Feitos claros: número 8
Legado Ramón Cabanillas.

Cambados.
Un proxecto de musealización do gran poeta galego.

Musealización do legado familiar de Ramón Cabanillas cedido ao Concello de Cambados e creación dun roteiro literario polo concello.

Compartir:

A familia de Ramón Cabanillas legoulle ao Concello de Cambados o material que posuía este gran poeta galego, o que levou á Concellaría de Cultura do BNG a realizar un proxecto de musealización, deseñado por Pepe Barro, nun edificio histórico municipal da vila de Cambados e cun custe de 50.000 euros, no Paseo da Calzada, coa intención de mostrar neste centro, unha visión global da vida e obra do gran poeta. Este proxecto foi complementado co arranxo e rehabilitación da casa natal de Cabanillas, que se atopaba en moi mal estado, cun investimento de 11.000 euros para transformala nun centro de investigación da súa obra, onde se depositaron os fondos orixinais do autor.

Dentro deste proxecto tamén se incluíu a dixitalización do material orixinal do autor, doado pola familia Cabanillas, para mostrar nunha web aberta a calquera persoa ou investigador que estea interesado no coñecemento ou estudo da obra do poeta. Este proxecto cultural inclúe, así mesmo, o investimento de 15.000 euros para a creación e sinalización do Roteiro Literario Ramón Cabanillas, que foi deseñado polo académico galego Francisco Fernández Rei, veciño de Cambados, e por Xoán Antonio Pillado Silvoso, primeiro alcalde nacionalista da nosa vila durante o período democrático. Como logotipo deste roteiro, tras a petición do correspondente permiso aos herdeiros de Castelao, utilizarase a caricatura que este fixo de Ramón Cabanillas no ano 1.919.

Este roteiro é realmente un verdadeiro itinerario turístico-literario que mostrará ás persoas visitantes unha visión diferente do noso concello co horizonte de incluír a Cambados dentro das vilas literarias galegas.

Ademais non se esqueceu neste proxecto a importancia de trasladar a figura de Cabanillas ás persoas máis cativas, achegándolles ás nenas e aos nenos unha publicación sobre o gran poeta Ramón Cabanillas.