Feitos claros: número 7
Rechouchíos.

Moaña.
Programa de dinamización linguística e lectora.

Organizamos durante todo o ano Rechouchíos de maxia, contacontos, monicreques, música e teatro infantil.

Compartir:

Rechouchíos é un programa de dinamización lectora e lingüística con actividades dirixidas ao público infantil e familiar ao que acoden nenas e nenos, maioritariamente de 3 a 10 anos, segundo o tipo de espectáculo programado nas tardes dos venres.

Utilizamos diferentes espazos públicos, pechados e ao aire libre, e percorremos todas as parroquias. O paxariño deseñado por Marc Taeger converteuse na mascota do programa e todas as actividades comezan co berro ideado por María Faltri, unha das colaboradoras do programa: Chio, chio… rechouchío!

A amizade, a diversidade, estimular a curiosidade e a imaxinación, desenvolver a creatividade e a expresión artísticas, darlle unha volta aos roles e aos estereotipos de xénero, choutar, xogar, bailar, cantar… é o que lles ofrecen os Rechouchíos ás familias como recurso para que poidan levar ese coñecemento adquirido e esa experiencia ás súas casas e ao seu contorno máis inmediato para enriquecer o seu tempo de lecer con actividades variadas e de calidade.

Rechouchíos promove a transmisión da lingua galega nas familias pois con este programa intentamos darlles un espazo no que as nais, os pais, os fillos e as fillas interactúan de maneira lúdica e divertida que, ademais, poden seguir realizando na súa vida cotiá porque o que se lles transmite ás crianzas desde ben pequeniñas con cariño, amor e apego ten garantido o seu futuro.