Feitos claros: número 2
Derrubando muros con pintura.

Carballo.
Proxecto de rexeneración urbana con intervencións artísticas.

O obxectivo foi claro, construír unha cidade para as persoas. Devolver a cidade aos cidadáns e ás cidadás, sen exclusións.

Compartir:

Derrubando Muros con Pintura é un proxecto de rexeneración urbana a través da arte pública, principalmente a pintura mural.

O proxecto xurdiu a finais do ano 2013, e o primeiro mural remátase no primeiro trimestre do ano 2014. Despois dun inicio convulso, marcado tamén polo mal tempo meteorolóxico, e no que xurdiron algunhas, aínda que poucas, voces críticas, o proxecto foi medrando e facéndose forte, e no 2015 xurde o evento central anual do Derrubando Muros con Pintura, o seu festival internacional, o Rexenera Fest, que se converte inmediatamente nun proxecto en si mesmo.

Nestes momentos, podemos dicir que Derrubando Muros con Pintura é a marca que aglutina a filosofía do proxecto e as diferentes intervencións e eventos que se fan ao longo de todo o ano, e o Rexenera Fest é o seu acto central, que ademais o proxecta internacionalmente.

No Derrubando Muros con Pintura, e no Rexenera Fest, procúrase a participación de artistas de ámbito comarcal, galego e internacional, buscando tamén a proxección e a promoción do talento local.

Agora mesmo, Carballo conta con máis de 70 murais, e na súa galería ao aire libre hai obras dalgunhas das figuras máis prestixiosas do muralismo e da arte pública internacional.

Mais, Derrubando Muros con Pintura é moito máis que murais:

— Derrubando Muros con Pintura é un libro, editado por engaiolarte, e que a través de diferentes escritoras e escritores locais vai percorrendo os murais de Carballo. Un libro cunha edición moi coidada e con excelentes fotografías de Xulio Gil.

— Derrubando Muros con Pintura, son libretas de notas con capa e contracapa de diferentes murais, que serven de soporte de promoción, mais tamén de agasallo para as visitas guiadas.

— Derrubando Muros con Pintura son cadernos de colorear para nenas e nenos, cos seus correspondentes lapis de cores, para que as crianzas máis pequenas se familiaricen coa arte e os murais que hai en Carballo, e os enchan de cores. O caderno consta dunha páxina co mural fotografado a cor e na seguinte a traza do mesmo cos códigos de cores para pintar. Agasállaselles as nenas e nenas dos coles, e ás que visitan o Museo ou fan a ruta guiada.

— Derrubando Muros con Pintura son unidades didácticas para os centros de ensino de Carballo. Para traballar con arte e coñecer tanto o proxecto local como outras alternativas da arte pública que hai no mundo.

— Derrubando Muros con Pintura son visitas guiadas, cada vez máis. Os murais de Carballo téñense convertido nunha das referencias máis sólidas da localidade, e nun dos produtos turísticos máis demandados no Museo de Bergantiños.

— Derrubando Muros con Pintura é tamén un roteiro virtual e un plano de cidade turístico para facilitar a visita á galería ao aire libre.

— Derrubando Muros con Pintura é tamén un portal web en galego, español e inglés, onde interactuamos con xente de todo o mundo, sobre todo do ámbito das publicacións especializadas como do propio colectivo de artistas a nivel mundial.

— Derrubando Muros con Pintura son as nosas redes sociais, que procuramos alimentar con frecuencia.

— Derrubando Muros con Pintura é un dos elementos principais da promoción turística de Carballo, e polo tanto da marca de cidade.

— Derrubando Muros con Pintura son documentais, clips de video...

— Derrubando Muros con Pintura é, como non, o REXENERA FEST, foco de atención de todo o mundo da arte pública durante 10 días, cun cartel de artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel que proxectan Carballo a nivel mundial. O Rexenera Fest programa arte, música, palestras, obradoiros... conta con web e redes sociais específicas...


Referencias externas:

Web Oficial Derrubando Muros