Feitos claros: número 14
Recuperación das fontes históricas.

Verín.
Facilitar o acceso da xente ao uso das augas mineiro-mediciñais.

Compartir:

Un dos elementos diferenciadores e potenciais en Verín son as súas augas. Durante séculos, fomos receptores de auguistas que visitaban a nosa vila para a toma das augas con fins médicos e de ocio. Desgrazadamente, a finais do século pasado fóronse perdendo as tradicións auguistas, así como a venda das fontes históricas a empresas privadas.

Actualmente contamos con tres fontes de titularidade privada: Cabreiroá, Sousas e Fontenova.

En primeiro lugar, abordamos coas empresas a necesidade de poñer en valor este elemento diferenciador, deste xeito chegamos a un acordo para abrilas ao público cun horario determinado e dentro das rutas turísticas de Verín. Puxemos á súa disposición persoal formado para o atendemento, desta maneira conseguimos que cada vez que unha persoa veciña ou que nos visita chegase a Cabreiroá, Sousas ou Fontenova, tivese unha persoa que lle explicase as propiedades da auga e a indicación para tomalas. No cómputo global, visitaron as fontes máis de 8.000 auguistas.

Con Fontenova fomos máis alá, estabelecimos un convenio para a cesión de parte dos terreos da súa propiedade e así facer un grande pulmón verde no centro de Verín que xa comeza a dar os seus primeiros pasos. Estabelecimos tamén a recuperación da fonte para a toma da auga por parte do Concello, así abordamos unha restauración íntegra do espazo.

Outra das fontes históricas de uso tópico (auga para a pel, non para inxerir) é Caldeliñas, propiedade do Concello de Verín. O histórico balneario estaba en ruinas e comido pola maleza, cunha imaxe precaria. Limpamos, canalizamos a auga e puxemos os distintos paneis explicativos para que fose un elemento visitábel e así foi, hoxe recibe unha cantidade importante de persoas e até serve como escenario para a representación de obras clásicas de teatro.

Fixemos unha primeira proba de embotellado de auga de Caldeliñas para usar como spray para a pel baixo o lema “Caldeliñas, milagre na pel” e neste momento atopámonos deseñando unha aplicación mobil que permite ver en 3D como era o Balneario.