Feitos claros: número 10
Castelo da Torre ou da Lúa.

Rianxo.
Posta en valor do Patrimonio Histórico.

A Consolidación e Restauración do Castelo da Torre ou da Lúa.

Compartir:

O Castelo da Torre ou da Lúa sitúase nunha pequena península que recibe o nome de Punta do Pazo, ao carón da praia da Torre e nunha posición estratéxica excepcional na beira do Mar de Rianxo. Construído no século XIII pola familia Soutomaior (da que formaba parte o Señor de Rianxo, Paio Gomes Charinho) e derrubado polos Irmandiños. No castelo realizouse un proxecto de restauración e acondicionamento dirixido polo arqueólogo Mario César Vila e o restaurador Gonzalo Buceta, a instancias do programa Leader-Deloa e do propio Concello de Rianxo.

Na actuación aproveitouse ao máximo o material do castelo existente e gardado de expolios anteriores, reconstruíndoo até onde foi posíbel mais diferenciando claramente as novas actuacións. Ten unha clara vocación didáctica e explicativa do que foi esta fortaleza que mantivo a súa actividade como forno de cerámica até o século XVIII. Cabe dicir que, malia estar xa excavado na súa totalidade, os traballos permitiron sacar á luz novas pezas de interese de cerámica de diferentes épocas. Instaláronse diferentes paneis explicativos desta actuación.

Procedente do castelo, un antigo merlón co escudo de armas dos Soutomaior está hoxe musealizado no Auditorio de Rianxo e acadou a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC), formando parte da exposición sobre o Pergamiño Vindel.