Feitos claros: número 1
Modelo Pontevedra.

Pontevedra.
Da teoría á praxe.

O obxectivo foi claro, construír unha cidade para as persoas. Devolver a cidade aos cidadáns, sen exclusións.

Compartir:

É moi complexo sintetizar o proceso de cambio de Pontevedra. As coordenadas espazo-temporais nas que se desenvolveu a transformación urbana da cidade foron moi a contracorrente, en 1999 nós iniciamos o proceso na Galiza, hoxe empezan os debates no Estado.

O obxectivo foi claro, construír unha cidade para as persoas. Devolver a cidade aos cidadáns e ás cidadás, sen exclusións. Toda a cidade, non só unha zona central, unha praza, un parque, unha zona de xogos, senón a cidade no seu conxunto, sen facermos perigosas distincións que poidan producir desigualdades.

Tendo claro o obxectivo, a ferramenta imprescindíbel para construír son os principios políticos,velaí van os nosos:

— O espazo público como un dereito universal básico e coma obriga da administración. Expulsar á cidadanía do espazo público é un grave atentado á igualdade de oportunidades.

— A democracia directa nos espazos públicos, sen dúbida “a estrutura da cidade precisa fomentar a vida pública, non unicamente a través das súas institucións, senón directa e simbolicamente a través dos seus espazos públicos “ (Allan Jacobs and Donald Appleyard: Toward an Urban Design Manifesto. 1987)

— Prioridade absoluta aos peóns, ás persoas.

— Equidade no uso dos espazos públicos. Usos que non dependan de ningunha condición física, psíquica ou social.

— Relectura do espazo urbano desde unha perspectiva feminista, espazos funcionais e seguros.

Os resultados en Pontevedra son coñecidos, o BNG creou un modelo propio e é referente a nivel internacional, tanto polos datos cuantitativos: aumento dun 33% da poboación, 67% de redución de CO2, 0 persoas mortas en atropelos desde 2011, redución do tráfico...; como cualitativos, se cadra os máis importantes: recuperación da autoestima colectiva, dignificación dos espazos públicos...

Para ter éxito nun proceso de transformación, de revolución urbana, resulta necesario saber, mais, sobre todo, aprender, aprender moito e de todas as fontes posíbeis e nunca esquecer os principios políticos, mais resulta imprescindíbel querer facelo, marcar unha folla de ruta e avanzar sen pausa, sen temores, sen vacilacións.


Referencias externas:

Concello de Pontevedra
Jornal de Noticias
Público
La Voz de Galicia
The Guardian
ABC
Sermos
Sermos
Cadena SER