Compartir:

O escano do BNG en Bruxelas
é o escano do pobo galego.

Somos unha nación viva no mundo. E queremos e precisamos ter voz, existir politicamente en todos os foros. Para facer valer os intereses da sociedade galega e que se atendan as nosas demandas e asuntos.

E iso é xustamente o que garante o BNG, a través da voz de Ana Miranda. O escano do BNG en Bruxelas é o escano do pobo galego, o altofalante das xustas vindicacións da nosa sociedade. Onde están o BNG e Ana Miranda, está Galiza e os seus problemas, necesidades, aspiracións.

Grazas á presenza do BNG no Parlamento europeo non houbo sector da nosa economía nin problema do noso país que non fose alí tratado. Se Galiza estivo en Bruxelas, co seu perfil de nación, cos seus problemas e coas súas reivindicacións sociais, foi porque as galegas e os galegos fomos quen de confiarmos en nós mesmas e en nós mesmos, na nosa propia forza, para defendermos os intereses de Galiza en Europa.

É xa unha constante histórica a vontade do nacionalismo galego de situar a nación galega entre as nacións do mundo, sen complexos, sen intermediarios, traballando sempre en cooperación coas outras nacións sen estado para construírmos a Europa dos Pobos.

Na liña de Nós, ou de Plácido Castro, ou do BNG con Camilo Nogueira como eurodeputado. O nacionalismo galego formula un proxecto de igualdade, respecto e recoñecemento da diversidade nacional. Queremos unha Europa dos pobos, das nacións, das persoas. E non esta UE do capital, ao servizo dos grandes poderes.

As mulleres e os homes que soñamos outro futuro para o noso país sabemos ben que a idea dunha Galiza con presenza e voz propia no mundo é consubstancial ao pensamento nacionalista. Como o é tamén a crítica á Unión Europea, un proxecto de natureza antisocial e de graves carencias democráticas.

Galiza ten que estar en Bruxelas, con voz propia. Coa voz de Ana Miranda. Porque existirmos é ter futuro. Porque facernos valer como pobo, e en favor do pobo, é a política máis social e transformadora que na Galiza existe: para defender a economía produtiva do noso país e frear a hemorraxia da emigración da nosa mocidade, para combater as políticas neoliberais europeas que producen desigualdade e pobreza e porque queremos avanzar nunha Europa verdadeiramente social e democrática, con máis poder para a sociedade e menos poder para os mercados.

O 26 de maio temos que garantir que Ana Miranda seguirá a ser a voz de Galiza en Europa.